O Concello humaniza a zona peonil de Recatelo
O barrio de Recatelo está a ser humanizado completando así as obras de peonalización, tal e como anunciou a alacaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen asegura que esta iniciativa responde a unha petición veciñal. A primeira intervención realizada foi a de acondicionar a escalinata que une esta vía coa rúa Santiago. «Trátase dunha reclamación que xa nos comunicaran na execución do programa Muramiñae Rehabilita e que estamos a materializar non só coa limpeza mediante auga a presión e coa reparación con morteiro das baldosas e das zonas que presentaban roturas, senón tamén mellorando a súa estética xeral cun repintado da varanda para que luza nova”, indicou a alcaldesa que, igualmente, anunciou que o Concello estudará agora realizar un graffiti neste emprazamento para o que se buscará a conformidade das e dos veciños.
Trátase de actuacións que contribúen moi positivamente a mellorar os barrios e a incrementar a súa habitabilidade, de aí a súa transcendencia
A rexedora sinalou ademáis que os labores continuaron pola rúa Cruzamento, onde se repasaron as beirarrúas para arranxar os treitos que presentaban un maior deterioro e se aseguraron pedras do muro existente neste enclave co fin de garantir a súa seguridade. “Trátase de actuacións que contribúen moi positivamente a mellorar os barrios e a incrementar a súa habitabilidade, de aí a súa transcendencia. Unha máxima que estamos a estender a todo o municipio e que en Recatelo resulta fundamental debido á súa proximidade coa confluencia dos tres Patrimonios da Humanidade dos que gozamos en Lugo”, sostivo a rexedora, ao tempo que lembrou que o resto de iniciativas enmarcadas na estratexia Dusi que se concretan nesta zona – como pode ser a rexeneración do Carme e da vía XIX, a recuperación da Cloaca ou a peonalización da Calzada da Ponte, reverterán de forma moi significativa en toda a contorna.

