A rúa Amizade muda de asfalto
O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou a mellora do asfaltado da rúa Amizade, na zona norte da cidade. “Nesta rúa, especialmente no lado oeste do cruce coa rúa Portugal, o estado do asfalto está moi desgastado, o que fai necesario a súa renovación e atender a unha petición moi solicitada pola veciñanza da zona, e na que tratamos de mellorar non só o estado da rúa senon a accesibilidade da mesma”, sinalou o edil.
A solución adoptada consiste na aplicación dunha nova capa de formigón vibrado de 20 cm de espesor, sobre unha capa de saburra artificial tamén de 20 cm de espesor, segundo sinala o propio Concello. Para facilitar o acceso ás prazas de estacionamento, habilitarase tamén unha beirarrúa de formigón ruleteado, xunto á edificación existente. No cruce coa rúa Portugal disporase un pavimento diferenciado para facilitar a accesibilidade.
Por último, renovarase a sinalización vertical e horizontal. A actuación foi adxudicada por 25.407 € e ten un prazo de realización de 6 semanas.“Traballamos a diario na mellora e mantementode todos os barrios”, explicou Rubén Arroxo. “Estas actuacións permítennos mellorar cuestións importantes para as veciñas e veciños, como a accesibilidade ou a seguridade” concluíu.