Os veciños das rúas Bataneira e Figueira verán solucionadas as avarías na rede de augas antes do verán

O Concello renovará as redes de abastecemento e saneamento nas rúas Bataneira e Figueira. Tratase duns traballos moi demandados pola veciñanza da zona, xa que nos últimos meses estanse a producir roturas constantes nas tuberías que estaban a causar incomodos cortes no subministro de auga segundo sinalan veciños da rúa Figueira. As obras terán un prazo de execución de 3 meses e o seu custo tota será de 79.034 euros, segundo infroma o Concello.

A actuación enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente, que dirixe Álvaro Santos, xa consignou 1’2 millóns de euros.

Coa eliminación deste material acadaremos varios propósitos: dispoñer dunha rede máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo do concello, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións

A intervención conxunta terá como finalidade a substitución das tubaxes actuáis por outras de fundición en 250 acometidas da capital, 15 delas só nestas dúas rúas (Bantaneira e Figueira) co obxectivo de “mellorar os servizos públicos apostando ademais por infraestruturas máis eficientes que incrementarán tamén a calidade da prestación que xa se ofrece”, segundo sinalou Álvaro Santos.

O edil explicou así mesmo que “o alcance deste proxecto suporá a substitución dun total de 7.080 metros de tubaxes, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda, por ser os barrios nos que se producen a maior parte das avarías que teñen orixe en seren as conducións de fibrocemento».

“De maneira que, coa eliminación deste material acadaremos varios propósitos: dispoñer dunha rede máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo do concello, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”, incidiu.