O Concello intenta involucrar á Xunta na Estratexia Lugo Transforma
O Concello de Lugo acordou hai unhas semanas co apoio de todos os partidos políticos representados na corporación destinar 12 millóns de euros a fortalecer o tecido productivo a través da constitución dun fondo público para a captación de novos investimentos. Agora o Concello intenta involucrar á Xunta de Galicia neste obxectivo. Por isto, a alcadesa, Lara Méndez solicitou hoxe ao Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a súa participación no proxecto.
O Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco, o que converte a iniciativa en pioneira no ámbito municipal galego. Como xa avanzou a alcaldesa, os proxectos que opten ao Fondo deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.
Lugo puxo en marcha esta iniciativaco fin de diversificar os sectores produtivos da cidade, actualmente moi dependente do sector terciario, co obxectivo de que saía reforzada da crise social e económica derivada da pandemia. Para iso, o Concello ten xa aberto o proceso para adxudicar a un servizo de intermediación financeira a xestión do fondo municipal, que será o encargado de atraer investimento e empresas co fin de crear postos de traballo en sectores estratéxicos para Lugo, e que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver e que a está a situar na vangarda europea en sostenibilidade e na loita contra o cambio climático.
A estratexia, proposta por primeira vez polo grupo municipal de Cs no ano 2017, está aberta á participación doutros investidores tanto públicos como privados. Na última reunión que mantivo a alcaldesa de Lugo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acadou o seu compromiso de apoio a esta iniciativa, que agora a rexedora lucense espera ir concretando co vicepresidente e conselleiro de Economía.

