Tes unha finca agraria sen acceso? Esta podería ser a túa solución
É habitual que moitos gandeiros e agricultores lamenten ter propiedades que non poden poñer a producir porque as leiras teñen un acceso deficiente debido ao abandono da contorna. Esto supón unha dificultade engadida ao desenrolo de moitas explotacións da nosa provincia. A Xunta pretende aportar solucións a moitos destes casos cun plan concreto. De feito o Goberno autonómico investirá máis de 14,3 millóns de euros ao abeiro do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o que supón un incremento de case un 20% con respecto ao orzamento da convocatoria anterior, que roldaba os 12 millóns. Así, a través da Agader seguirase traballando na mellora das infraestruturas rurais, cun presuposto para cada unha das dúas anualidades superior aos 7,15 millóns de euros.
A finalidade do plan é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais, segundo sinala apropia Consellería. Co arranxo deses camiños, a Xunta non só contribúe á accesibilidade e vertebración do territorio senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior axilidade das operacións como unha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
En concreto, as achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño. Tamén se subvencionará o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.
A finalidade do plan é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais
Para dar servizo a cada unha das localidades da comunidade, establecéronse uns criterios de distribución das asignacións económicas previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie, ao peso do agro en cada municipio, así como ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% da contía para aqueles concellos fusionados.
Prazo de solicitude
Os consistorios teñen de prazo para presentar as súas solicitudes de axuda un mes a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Deben facelo exclusivamente por medios electrónicos, cubrindo previamente o formulario a través do portal web de Medio Rural.

