O Concello solicita á Confederación Hidrográfica desprazar a Plataforma de Baño augas arriba

O Concello de Lugo solicitou á Confederación Hidrográfica o desprazamento da Zona de Baño Pública augas arriba, no Miño, para poder abrila este verán. A área de Medio Ambiente tomou esta decisión á vista das apreciacións realizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural no seu informe. O tenente de alcaldesa explicou que “tal e como avanzamos en días anteriores, e á vista do devir que levaba esta cuestión, dende a Administración local tiñamos moi avanzada a elaboración de toda a documentación necesaria para iniciar o procedemento en calquera das dúas alternativas que se podían presentar: pedir o traslado da colonia de mexillóns ou o cambio de situación da Plataforma. De maneira que, en canto tivemos constancia oficial – xa por fin – das conclusións de Patrimonio Natural, optamos por esta última, tendo en conta tamén que este ano, o caudal do Miño é un 35% máis baixo do habitual”.

O concelleiro de Medio Ambiente referiu que “se trataría de desprazar a estrutura flotante un máximo de 40 metros e lixeiramente cara o eixe do leito, manténdose na área do proxecto orixinal, xa que os estudos realizados consideran que esta é a opción máis respectuosa co río,en consonancia cos permisos concedidos pola CH”, afirmou.

Con relación ao contido do documento entregado hoxe pola Xunta, Miguel Fernández lamentou que “a maior parte das consideracións obedezan máis a unha enumeración de conxecturas e hipotéticos supostos sobre os que, para poder valorar a súas consecuencias en caso de chegar a producirse se reclama a realización de estudos e informes que xa obran no expediente, no que parece, ademais dunha excesiva sobreactuación, un intento de frear a apertura con especulacións”, concluíu Fernández.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.